O bo uso da terra practicado durante séculos, e que favoreceu enormemente a conservación medioambiental, constitúe un dos máis importantes valores da Reserva. Os nosos pais e avós coidaron de non malgastar o que a natureza lles ofrecía, usando tan só aquelo que necesitaban e evitando desperdiciar nada.
Polo tanto hoxe, todos os que vivimos nela, debemos ser coidadosos cos cambios nos xeitos de traballar e de aproveitar o noso territorio, procurando non estragar o acadado ata agora.
Algunhas medidas e bos costumes para o Aforro de Enerxía
- Facer a construción ou rehabilitación de vivendas pensando no aforro enerxético: aproveitar a calor do sol para quentar a casa mediante unha boa orientación das ventás cara o Sur ou utilizar un bo illamento das paredes e ventás.
- Facer uso das enerxías renovables nos edificios: os paneis solares son unha boa alternativa para abastecer o fogar de auga quente ou calefacción.
- Aproveitar a leña para quentar a casa, axudando a manter os bosques limpos, e evitando o consumo de combustibles fósiles como o petróleo ou carbón.
- Utilizar lámpadas e electrodomésticos de baixo consumo, ¿Sabías que unha lámpada de aforro de 15 W alumea tanto como unha normal de 40 W, e dura 10 veces máis?.
- Apagar a televisión se non se está a ver, non deixar as luces acesas sen necesidade ou man¬ter a calefacción a unha temperatura axeitada.
- Evitar usar pilas e, no caso de facelo, empregar pilas recargables, ou mercar un cargador solar. Cando as pilas se esgoten, deposítaas nos contedores axeitados.
- Empregar o transporte público para chegar á escola ou ó traballo. Camiñar ou empregar a bicicleta nos desprazamentos curtos.
A auga é un ben, cada vez máis escaso, que debemos coidar como un tesouro. Algúns consellos que debemos ter en conta son:
- Ducharse en vez de bañarse, aforra auga.
- Instalar sistemas de aforro de auga na cisterna, billas, etc. Introducir unha botella chea de area dentro da cisterna para aforrar 1 litro de auga cada vez que se tira da cadea.¿Cantos litros de auga podes aforrar deste xeito ó ano na túa casa?
- En canto ao uso da auga no xardín, no agro ou na granxa, hai que procurar:
- Reducir ó mínimo a produción de augas sucias.
- Revisar as canalizacións e conducións de auga para evitar fugas.
- Regar nas horas de baixa insolación e só o necesario.
- Instalar sistemas de recuperación e depuración das augas de lavado do gando para evitar a contaminación do entorno.
- Empregar bebedoiros automáticos que non desperdicien a auga.
- Ter especial coidado no uso de abonos mi¬nerais, especialmente os nitroxenados, xa que contaminan os ríos e as fontes.
¿Qué facer cos residuos?
- Lémbrate da regra dos 3 erres: reduce, reutiliza e recicla, así colaborarás na recollida selectiva. Pero, sobre todo, REDUCE a cantidade de lixo que produces. ¿Sabías que cada galeg@ produce ó redor de 1 quilo de lixo ó día?. Calcula os quilos producidos ó longo dun mes, ¿e dun ano?
- Os residuos orgánicos, os restos de comida, ¿quen os vai a aproveitar mellor co porco ou o can? Tamén se poden usar como abono para a horta ou o xardín.
- Nas vivendas con lareiras, o papel pode usarse para acendelo lume, como se fixo toda a vida.
- Aproveitar o papel polas dúas caras e usar papel reciclado. Aforrarás auga,enerxía e contribuirás á conservación dos nosos bosques.
- Os envases domésticos podemos separalos para cadanseu colector.
- No colector amarelo: os plásticos, briks e envases metálicos.
- No azul: cartón e papel.
- No iglú verde: o vidro.
- Cando merques escolle preferentemente produtos reutilizables, reciclables ou biodegradables.
- Nunca tirar aceite e graxas ó solo, nin a cursos de auga, fosas sépticas ou á rede de sumidoiros.
- Non tirar escombros en vertedoiros non autorizados.
- Se utilizas produtos fitosanitarios é importante obter o carné de aplicador destes pro¬dutos e levar os envases aos puntos axeitados de recollida.
Conservar o solo e o entorno natural
- Restrinxir o uso do lume ó minimo: O lume pode destruír zonas que tardarán moitos anos en rexenerarse, non fagas queimas sen permiso; por moi pequeno que penses que será o lume, e aínda que teñas permiso, non acendas se se levanta o vento.
- Reducir as superficies de solo sen vexetación para evitar a súa perda pola erosión. Procura utilizar sementes ou esqueixes de plantas de horta do sitio no que vives, están mellor adaptadas ó clima da zona e resisten mellor as pragas.
- Intercalar plantas aromáticas que fagan de insecticidas naturais.
- Recuperar os solos esgotados aportando materia orgánica (por exemplo, esterco).
- O bo mantemento das presas e outras canalizacións da auga da chuvia evitan a erosión do solo e os danos polas trombas de auga.
- Protexe o bosque das marxes dos ríos xa que manteñen o cauce no seu sitio.
- Utiliza barreiras de vexetación ou sebes para separar as fincas xa que conservan a humidade e crean abrigo protexendo dos ventos.
- Realiza un bo uso dos estercos e xurros tendo en conta o seguinte:
- Realiza aplicacións directas dos xurros evitando a pulverización.
- Revisa que as fosas non teñan filtracións ó terreo.
- A súa capacidade debe ser suficiente para acoller o volume xerado no inverno.
- Aplica os xurros en épocas nas que non chova en esceso para evitar o seu lavado e a contaminación de ríos e fontes.
- Deixa unha franxa sen abonar de 10 a 15 metros respecto dos ríos e de 5 metros respecto doutras fincas e casas.
- Deixa sen abonar de 35 a 50 metros de distancia ás fontes ou pozos.
- Sitúa as pilas de esterco fóra de zonas por onde escorra a auga.
Sobre todo o máis importante é aplicar o sentido común. A día de hoxe a inmensa maioría dos veciños e veciñas sabemos o que debemos facer, pero o importante é facelo.
Se xa o fas, grazas por axudarnos a coidar a Reserva.
|