Dentro do ámbito territorial das Reservas da Biosfera delimítanse varios tipos de zonas, en función do interese que teñan para o mantemento da Reserva; estas son:
- ZONAS NÚCLEO
- ZONAS TAMPÓN
- ZONAS EXTERIORES DE TRANSICIÓN
Zonas Núcleo
As zonas núcleo da Reserva son aquelas que polas súas características teñen un maior interese ecolóxico e de onservación a longo prazo. Temos que poñer especial atención en que as actividades que se realicen nestas áreas non sexan lesivas para o medio, dado que polas súas características teñen un alto valor.
As Zonas núcleo deste Reserva son:
- No concello de Allariz
- O Briñal ou Escadas: Son 13 Has. dun tramo ben conservado da vexetación de ribeira do río Arnoia.
- O Canelar: Ten 63 Has., na confluencia dos regatos de Fontes e do Canelar.
- O Foxo Vello: É outra zona ás beiras dun regato, que ocupa 1 Ha.
- No concello de Rairiz de Veiga:
- As Veigas de Ponteliñares: Incluídas dentro da Rede Natura 2000, constitúen un reducto da paisaxe anterior ao desecamento da Lagoa de Antela. Ocupa unha superficie de 51 Has.
- A Carballa da Saínza, cunha extensión de 1 Ha, acolle un exemplar de carballo con nome propio, “A carballa da Saínza” ou “da Rocha”. Declarada monumento natural.
- O Castro de Castrelo: Con 8 Has. na que os vestixios arqueolóxicos teñen unha especial importancia.
- O Castro de San Miguel, de 3.5 Has.: É outra área con especial interese patrimonial alén de ser un magnífico observatorio das Veigas de Ponteliñares.
- No concello de Vilar de Santos:
- O Ruxidoiro: cunha extensión de 7.7 Has., e nel concéntranse enterramentos prehistóricos e ecosistemas de bosque autóctono ben conservado constituídos por carballos centenarios.
Zonas Tampón
Arrodeando ou limitando estas Zonas Núcleo, sitúanse as Zonas Tampón. A súa importancia dentro da Reserva é fundamental dado que son as áreas do territorio onde se centran a maior parte das actividades humanas. Nestas zonas foméntanse as actividades, xa produtivas, xa para o lecer, que favorezan o equilibrio e o desenvolvemento dun xeito sostible no tempo.
Zona Exterior de Transición
Por último, o resto do territorio da Reserva é a chamada Zona Exterior de Transición. Como o seu nome indica, esta parte do territorio serve como transición entre a Reserva e os outros territorios.
|