Os únicos documentos nos cales se pormenorizan os posibles usos e aproveitamen¬tos da terra dentro da área da Reserva da Biosfera son os Planos Xerais de Ordenación Municipal de cada concello e neles débense de establecer as bases para atinxir un desenvolvemento sostible.
Para que a UNESCO designe un territorio como RESERVA, cómpre que este teña un Plan de Ordenación concibido para acadar un desenvolvemento perdurable; a UNESCO non é por tanto quen determina, como algúns pensan, o que se pode e o que non se pode facer. Esta organización analiza os documentos que integran os Plans Xerais de Ordenación Muni¬cipal e con base neles e na realidade do territorio, determina se realmente os veciños e os seus gobernantes están a facer unha aposta de FUTURO no territorio.
O planeamento debe de ter como norte o establecemento dun modelo que, sen renunciar a unha auténtica modernidade, preserve os valores esenciais do territorio que aínda perduren, facilite unha explotación racional dos recursos tradicionais, poña en valor novos recursos, e todo iso como medio para acadar unha mellora da calidade de vida para o conxunto da poboación. Texto para o PXOM de Vilar de Santos, feito por Consultora Galega, redactora dos plans de ordenación dos catro conce¬llos da reserva.
Os Plans Xerais de Ordenación Municipal son moito máis ca un plan urbanístico; representan unha declaración de principios, unha guía para o presente e o futuro. O Plan Xeral é o documento no que os gobernantes locais expresan cal é o seu proxecto, como conciben o futuro dos veciños e do territorio; coñecelo é un dereito e unha obriga para todos. Na actualidade os catro concellos da Reserva preparan conxuntamente a Axenda 21; un documento que recolle de forma ordenada as ideas e medidas para garantir o desenvolvemento sostible da Reserva no século XXI.
|