[ inicio ]
 
marcosuperior


Reserva da Biosfera
"Área de Allariz"


Centro Promoción Económica
Rúa do Portelo, 4
32660 Allariz - Ourense

Tlf. 988 44 22 10
info@areadeallariz.com


 

 
A Cibdá de Armea, principal cidade romana en Galicia despois de Lugo


Ampliar Foto...
18/07/2018

O pasado mes de xuño arrancou no xacemento da “Cibdá de Armea” a quinta campaña arqueolóxica que desenvolve conxuntamente o Concello de Allariz xunto co Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo. Rematada a fase de escavacións, os arqueólogos destacan os resultados acadados este ano, conseguindo deixar ao descuberto na súa práctica totalidade a zona da atalaia na que se atoparon restos moi relevantes para o xacemento. A alcaldesa, Cristina Cid, xunto con Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense e Susana Reboreda, decana da Facultade de Historia visitaron o xacemento para coñecer de man de Adolfo Fernández, responsable da intervención arqueolóxica, os avances realizados nesta campaña. Anticipando a intención do concello de renovar a colaboración coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento destas intervencións arqueolóxicas, Cristina Cid salientou o seu desexo de que se unan a esta iniciativa tanto a Xunta de Galicia como a Deputación Provincial, e fixo fincapé en como este xacemento non só permite contribuír ao coñecemento da historia senón tamén ao desenvolvemento turístico da zona. Un equipo de case unha vintena de persoas participaron na intervención. Sobre os resultados obtidos, o director do proxecto sinalou como a zona da atalaia, de arredor de 2000 metros cadrados, queda practicamente descuberta, estando só pendente a escavación dalgún pequeno espazo ou de posibles capas inferiores ás xa descubertas. Nos traballos realizados nesta atalaia, Fernández subliñou como, sacando o recheo dunha das zonas que nos anos 50 Francisco Conde-Valvís escavou e logo volveu a cubrir, o equipo da campaña atopou o que eles chaman “o tesouro pétreo de Balvís”. Baixo un dos muros da finca atoparon varias bases, capiteis e fustes de columnas, varias partes de muíños e unha roseta. Igualmente relevante, explican os responsables da campaña arqueolóxica en Armea, foi sacar á luz a domus norte, onde se atopou in situ unha columna completa que sustentaba o teito dunha das salas e que agardan poder recolocar cos permisos pertinentes; un posible sistema de calefacción ou canalización de tellas e unha inscrición en dúas pedras, a segunda deste xacemento, na que é visible as letras MAX e que os arqueológos indican que probablemente poida ser parte do nome do propietario da vivenda. No conxunto da campaña, apuntou Adolfo Fernández, atopáronse ademais elementos de interese arqueolóxico como vidros de calidade, un elemento en bronce, tres moedas e pezas de pedra, como pináculos. Os avances acadados nesta campaña 2018, comentou Adolfo Fernández, permiten situar á “Cibdá de Armea” como “un xacemento único” de orixe romana, ocupado ex novo arredor do século I despois de Cristo e abandonado no III. Trátase, apuntou, “dunha auténtica cidade romana” que suporía despois da cidade de Lugo o principal tecido urbano de época romana de Galicia. A riqueza que se albisca nos seus restos, sinalou, apuntan a unha capital rica e de prestixio.

 

 


Reserva Virtual 2.0 - Toda a información Dixitalizada

Proxecto il-Muller

Fundación Biodiversidad

Núcleos de Sostibilidade

Consellería de Medio Ambiente

Grupo de Acción Local Avinza GDR-15

Plan de Acción - Núcleos de Sostentabilidade - Axenda 21

diálogos RB


marco inferior