[ inicio ]
 
marcosuperior


Reserva da Biosfera
"Área de Allariz"


Centro Promoción Económica
Rúa do Portelo, 4
32660 Allariz - Ourense

Tlf. 988 44 22 10
info@areadeallariz.com


 

 
Gran escaparate do mundo das abellas na Feira de produtos apícolas de Allariz


Ampliar Foto...
05/09/2018

A Feira dos Produtos Apícolas o 16 de setembro en Allariz contará con preto de 30 expositores de produtos e material apícola de Galicia, León e Portugal, que amosarán un cento de produtos da colmea, dende meles de diferentes tipos, cosmética, bebidas ou masaxes de mel. Durante a feira desenvolverase un completo programa de actividades para todos os públicos, co obxectivo de dar a coñecer as propiedades e beneficios dos produtos da colmea e ofrecer información práctica para apicultores e apicultoras. A iniciativa parte dende a Escola Galega de Apicultura, integrada pola Asociación Galega de Apicultura, Concello de Allariz e Fundación Ramón González Ferreiro, co obxectivo principal de poñer en valor a diversidade e riqueza dos produtos da colmea e o seu potencial no mercado. O evento marcará o remate do Curso Superior de Apicultura Comercial, celebrado esta primavera en Allariz, no que os seus máis de 40 alumnos e alumnas poñerán en práctica os contidos aprendidos durante o curso. Exposición dos produtos da colmea A feira será unha gran exposición dos produtos da colmea, onde se amosará toda a súa riqueza e diversidade. Meles de diferentes tipos e presentacións, mel en panal, elaboracións feitas con xelea real e própole, xabóns de mel, bálsamos labiais con cera de abella e bebidas de mel, como o antigo hidromel ou as innovadoras cervexas de mel, son algúns dos produtos apícolas que os visitantes atoparán na que pretende ser unha feira "con valor engadido". O público poderá aprender da man de persoas expertas en apicultura sobre as propiedades e usos dos produtos apícolas, probar os beneficios da apiterapia, recibir rexeneradores masaxes de mel, distinguir os diferentes tipos de mel de Galicia ou aprender a facer o hidromel. Os visitantes descubrirán tamén como se fai a esmelga, a extracción do mel da colmea, ou como se elaboraban tradicionalmente as valiosas candeas de cera de abella, e o público miúdo terá o seu espazo, onde envasarán divertidos botiños de mel ou farán a súa propia candea. Espazo para apicultores e apicultoras Os apicultores e apicultoras poden vir tamén como observadores deste gran escaparate dos produtos apícolas, para coller ideas e animarse a diversificar na produción e comercialización das súas explotacións apícolas. Hai un gran potencial en Galicia que está por aproveitar e este é o momento de facelo, pois existe unha gran demanda no mercado de produtos saudables e naturais como son os que nos ofrecen as abellas. Tamén terán a oportunidade de coñecer novidades en material e sanidade apícola, da man de varias empresas que terán o seu espazo na feira, resolver dúbidas sobre a Vespa velutina, que ameaza cada vez a máis concellos de Galicia, ou informarse sobre como mellorar a saúde das colmeas. Novo curso na Escola Galega de Apicultura A Escola Galega de Apicultura presentará durante a xornada o seu próximo curso "Sanidade e manexo apícola", que terá lugar este outono na Fundación Ramón González Ferreiro, coa finalidade de formar a apicultores e apicultoras para mellorar a saúde das súas colmeas e polo tanto tamén a produción e rentabilidade da explotación.

 

 


Reserva Virtual 2.0 - Toda a información Dixitalizada

Proxecto il-Muller

Fundación Biodiversidad

Núcleos de Sostibilidade

Consellería de Medio Ambiente

Grupo de Acción Local Avinza GDR-15

Plan de Acción - Núcleos de Sostentabilidade - Axenda 21

diálogos RB


marco inferior