[ inicio ]
 
marcosuperior


Reserva da Biosfera
"Área de Allariz"


Centro Promoción Económica
Rúa do Portelo, 4
32660 Allariz - Ourense

Tlf. 988 44 22 10
info@areadeallariz.com


 

 
A Escola Galega de Apicultura, con sede en Allariz, comeza a programación combatendo a vespa velutina


Ampliar Foto...
27/03/2019

O vindeiro 30 de marzo a Escola Galega de Apicultura comeza o seu programa de formación do 2019 cunha xornada en Allariz adicada á vespa velutina, o tártago de patas amarelas ou asiático, dirixida principalmente a apicultores e apicultoras de Ourense. Nesta provincia, colonizada tamén polo tártago asiático como xa o está prácticamente toda Galicia, prevese un avance importante para este ano, o que poderá causar graves danos tanto na economía do rural como no medio ambiente. Na xornada, a Asociación Galega de Apicultura anunciará tamén a convocatoria dunha concentración abelleira para o día 4 de abril en Ourense, para denunciar a pasividade da Xunta de Galicia na xestión desta problemática. A provincia de Ourense é un dos últimos territorios colonizados polo tártago asiático en Galicia. Esta é a provincia con maior número de profesionais do sector apícola e unha das que teñen máis colmeas na nosa comunidade, polo tanto o dano económico que provocará o avance da praga neste territorio poderá ser moi grave, ademais do ambiental e social. Por iso, a Escola Galega de Apicultura inclúe na súa oferta formativa esta actividade que ten como obxectivo ofrecer información a apicultores e apicultoras principalmente, amosando as técnicas e ferramentas que resultaron eficaces noutras zonas de Galicia onde xa levan tempo con esta loita. A formación tamén vai destinada ós concellos, tanto a responsables políticos coma ó persoal técnico, para que se impliquen na loita con campañas de prevención e información. Calquera persoa con sensibilidade sobre as abellas e ambiente poderá igualmente participar para coñecer como está afectando este insecto invasor na nosa contorna e de que maneira poden colaborar. A Xornada sobre a Vespa velutina, que terá lugar o 30 de marzo nas intalacións da Escola Galega de Apicultura en Allariz, incluirá palestras sobre a bioloxía e comportamento da Vespa velutina, técnicas de control, como o trampeo preventivo e uso de arpas eléctricas para a protección das colmeas, e obradoiros prácticos sobre o uso destas ferramentas. Tamén haberá unha exposición didáctica, na que participarán constructores de arpas eléctricas con diferentes modelos desta ferramenta que está salvando moitas colmeas en Galicia ante o ataque do tártago asiático. A participación na xornada é de balde pero requírese inscrición previa no email info@apiculturagalega.es ou no teléfono 981 508 142. Mobilización 4 de abril en Ourense Ante a pasividade da Xunta de Galicia e en previsión da grande afectación que terá o avance do tártago de patas amarelas en Ourense, AGA convocará unha concentración abelleira o día 4 de abril a partir das 11 h ante a Delegación da Xunta de Galicia en Ourense. “Dende AGA facemos un chamamento a participar a todos os abelleiros e abelleiras, concellos, organizacións do sector apícola e outros afectados, e á cidadanía en xeral, pois este é un problema que afecta a todos e todas” explica o voceiro de AGA. O obxectivo será que a Xunta admita as demandas e que poña os medios para que se leven á práctica, cun plan de loita eficiente e o financiamento necesario, tendo en conta ós sectores afectados. “Xa levamos tempo loitando polas vías administrativas e parlamentarias, sen conseguir ningunha resposta ata o de agora. Por iso é momento de mobilizarse e esixir xa ó Goberno que actúe” Programa formación EGA Con esta xornada comeza o programa de formación da Escola Galega de Apicultura do 2019 cunha variada oferta formativa, dende cursos básicos a xornadas específicas sobre diferentes temas, destinada tanto a persoas con interese en iniciarse na apicultura como a profesionais. Para o mes de maio a EGA acollerá un curso básico de apicultura os días 4 e 5, con teoría e práctica, e para o día 11 unha xornada sobre explotacións mixtas de apicultura e fruticultura, na que se ofrecerá formación sobre como complementar a actividade abelleira coa produción de froita, como por exemplo mazá, castañas ou arandos, así como sobre outras posibilidades que nos ofrece o monte, gran recurso cun potencial que temos que aproveitar. Para o outono realizarase tamén un curso sobre selección e cría de raíñas, con ponentes especializados de Galicia e Portugal, e outro sobre formación para formadores. O programa de formación e información sobre as inscricións pódese consultar na web: www.apiculturagalega.es

 

 


Reserva Virtual 2.0 - Toda a información Dixitalizada

Proxecto il-Muller

Fundación Biodiversidad

Núcleos de Sostibilidade

Consellería de Medio Ambiente

Grupo de Acción Local Avinza GDR-15

Plan de Acción - Núcleos de Sostentabilidade - Axenda 21

diálogos RB


marco inferior